O Rei ten medo a perder a coroa. Teme coma nunca verse na mesma situación co seu avó, correndo cara á fronteira co imprescindible e condenado a calcular o presuposto para chegar a fin de mes. Sería moi duro para él, acostumado nas últimas décadas a vivir ao grande, no inverno de vacacións na neve, no verán de vacacións a bordo dun veleiro, afeito a conducir coches de luxo, motos de grande cilindrada, sempre rodeado de empresarios de éxito… Posiblemente por primeira vez dende que ostenta a xefatura do Estado sinte que a terra lle treme baixo os pés. Nunca estivo tan inseguro. Nin sequera cando o príncipe Filipe decidiu casar cunha muller divorciada. Daquela, segundo as malas linguas, o monarca agoirara a fin da monarquía española. Foi unha boa crise. Pero superouse e anque o herdeiro carece por completo do seu carisma, ningún dos grandes partidos semella disposto a remexe-lo tema da República.
Hoxe teño para min que o sismo en Moncloa é meirande que aquel provocado pola elección matrimonial do príncipe. Tanto que, segundo algún medio, don Xoán Carlos estudou limita-la figura da “Familia Real” aos máis próximos. Sería unha medida insólita, xa desmentida por Zarzuela. Mala cousa é ter que defenderse a base de desmentidos. Visto o visto, parece que o rei fai ben en non fiarse demasiado da honorabilidade dos achegados. Xa lle saiu mal o experimento con Marichalar. Agora con Urdangarín, o xenro listo, semella que lle pode sair o tiro pola culata, cos conseguintes desperfectos na ata o de agora pulcra imaxe da Monarquía. Ademáis, os xenros carecen da protección mediática que sempre gozou don Xoán Carlos. Eles non viviron un 23-F; episodio tantas veces repetido nas distintas televisións, en especial na Española, que a un lle veñen á memoria as vellas consignas do inquilino do Pardo.
Algo se move en España. Cada vez máis cidadáns critican abertamente á familia real. Iso era algo impensable hai tan só un lustro. A presión chegou a ser tan grande que se a un xornalista se lle ocorría declararse republicano sempre había tres ou catro contertulios que se lle lanzaban á gorxa coma lobos rabiosos. Nin por apelar á liberdade de expresión ou de pensamento se libraba o infeliz das máis duras invectivas. A mín a República xa me tarda. O de Urdangarín é unha anécdota, anque se finalmente é condeando por un tribunal, sería un torpedo na liña de frotación da Monarquía. Pero non é a cuestión de fondo. O esencial é que os cidadáns temos dereito a elixir ao Xefe do Estado. Algo que nestes momentos nos están a impedir PSOE e PP. E iso non é gozar dunha democracia plena, ¿non crén
No hay comentarios:
Publicar un comentario